Cartografía medieval


Mapamundi do Beato de Girona (975)

Conservado en Girona, Museu de la Catedral, Num. Inv. 7 (11), ff. 54v-55.
A lámina, realizada no ano 975 e atribuída a Beato de Girona, é unha reprodución en pergamiño do orixinal, o manuscrito do Tábara (970), que non sobreviviu ao paso do tempo. Nela observamos un mapa de forma cuadrangular, con bordes redondeados, no que aparece a terra dividida en tres partes acompañada dunha representación de Adán e Eva. A orientación co Leste na parte superior, tal e como se sitúan os templos cristianos, fainos localizar á Península Ibérica na esquina inferior esquerda. Na esquina noroccidental sinálase a Gallaecia, con Asturias ao seu carón, e faise referencia por vez primeira á cidade de Santiago de Compostela (Sti. Jacobi Apstli).

Fonte: Wikimedia Commons

Mapamundi das Etimologias encomendadas por Sancha I, raiña de Galicia (1047)

Conservado no Escorial
Do mapamundi das Etimoloxias de Isidoro existen varias versións. Neste caso ocúpamos a que encomenda Sancha I, raíña de Galicia e 1047, actualmente conservada no Escorial. Aquí, a maior tamaño e colorido xa que foi unha copia pensanda para educación dos fillos, vemos que aparece Galicia sinalada na parte máis inferior mediante Gallaecia. A súa localización precisa na cartografía podería deberse ao seu valor relixioso: o territorio onde se achou o corpo do Apóstolo como emblema da Cristiandade.

Fonte: Wikimedia Commons

Liber Floridus de Lambert de Saint Omer (c.a. 1120)

Dentro do Liber Floridus (‘Libro das Flores’), realizado por Lambert de Saint-Omer entre 1090 e 1120, localízase un mapamundi con forma circular, dividido en catro partes. Del consérvanse varias copias, estando o manuscrito orixinal na Biblioteca da Universidade de Gante. No fragmento que amosamos vemos a Europa, ‘a cuarta parte do mundo’, orientada co Leste na parte superior, como era habitual. Embaixo (na rexión máis occidental) localizamos á Península Ibérica tras a cordillera dos Pireneos. Xunto a Hispania, Wascona, Lusitania e Hesperia represéntase Galitia. Acompañando á identificación do territorio ilústrase a Torre de Hércules.

Fonte: Wikimedia Commons

Tábula Rogeliana de Al Idrisi (1154)

Transcripción latina de Konrad Miller, 1928.
Cartografía pertencente a O libro de agradables viaxes a terras afastadas, obra xeográfica do almorábide Muhammad al-Idrisi en 1154. Foi feita por encargo do rei Roxerio II de Sicilia, de aí que se lle coñeza comunmente como Tábula Roxeriana. O mapamundi, considerado o máis preciso do mundo entre os séculos XII e XV, acolle unha representación tripartida da Península Ibérica, distinguido de al-alandus os reinos de ard kastalia e ard galika.

Fonte: Wikimedia Commons

Mapa do mosteiro de Ebstorfer (Gervase of Tilbury, 1234)

O mapamundi de Ebstorfer, con deseño T-O, foi atribuído a Gervase de Tilbury. A súa datación oscila entre 1234 en adiante, até inclusive o 1300. O manuscrito orixinal perdeuse durante a Segunda Guerra Mundial, e no seu lugar podemos recorrer a varias copias facsímiles. Ubicada na esquina inferior esquerda, aparece representada Galicia como Galicia regio, correspondéndose cun espazo delimitado polo río Douro (Durrus Fl.). Como é recorrente, recoñécese mediante o recurso á figuración da Catedral de Compostela e o faro de Brigantia.

Fonte: Wikimedia Commons

Mapamundi de Hereford (Catedral de Hereford) do século XIII

O Mapamundi de Hereford, datado ca. 1300 e conservado na Catedral de Hereford (Inglaterra), é o mapa máis grande do seu tipo que sobreviviu intacto e en boas condicións dese período. Considérase que debeu de servir de retablo na igrexa.
Segue aínda a forma clásica medieval T-O con orientación Leste. Deste xeito, localizamos o Occidente na parte inferior do mapa, onde podemos ver á Península Ibérica, máis tamén as illas Baleares e ás Canarias. No deseño apreciamos como en vermello aparecen resaltadas as distintas áreas xeográficas e en negro noméase ás cidades. Identificamos Galicia agora mediante a rexión de Compostii (Compostela), a cal acolle o faro de Coruña e a propia Catedral, baixo os topónimos de Bragantia (Coruña) e Templum Sancti Iacobi, amáis da cidade de Perona (Padrón).

Fonte: Wikimedia Commons

Mapa Marino Sanudo Liber secretorum fidelium Crucis

Posiblemente feito por Pietro Vesconte no 1320
O mapamundi forma parte dun conxunto que realiza o cartógrafo xenovés Pietro Vesconte para complementar a obra Liber secretorum fidelium crucis (“Libro dos Secretos dos Fieis da Cruz”), autoría do veneciano Marino Sanudo O Vello entre 1306 e 1320. O deseño é o dunha carta marina portulana das costas de Europa e do norte de África. Unha vez máis, co mapa orientado cara o Leste, localizamos a Península Ibérica na sección máis inferior, onde é Galitia o nome empregado para designar a zona norte peninsular.

Fonte: Wikimedia Commons

Mapa do Rudimentum Novitorum de Lucas Brandis de Schass (1475)

Considérase que é o Rudimentum Novitorum, historia do mundo publicada en Alemaña en 1475, que contén os primeiros mapas impresos. Obra de Lucas Brandis de Schass baseándose en traballos anteriores, o mapamundi coloca Xerusalén no centro e mantén a orientación do Leste na parte superior. De novo na parte inferior do mapa atopamos pois o extremo occidental da terra, neste caso ilustrado coas Columnas de Hércules (indicando o Estreito de Xibraltar). No detalle sitúase Galicia ao carón doutros territorios como Hispania, Anglia ou Dacia.

Fonte: Wikimedia Commons